As lembranzas e “cousas de vellos” constitúen, xunto con outros restos de cultura material (fotografías e cartas familiares, apeiros de labranza, construccións de interese etnográfico...), o acervo máis rico e complexo da tradición cultural desta fisterra peninsular, que foi ata datas moi recentes un país de labregos. Pero estes documentos e materiais foron ignorados pola historia académica convencional e só recentemente se vén insistindo, desde unha perspectiva interdisciplinaria, en que as narracións autobiográficas permiten contextualizar, histórica e socialmente, o material etnográfico que empregou a persoa á que entrevistamos. Isto transforma completamente o enfoque tradicional do proceso de reconstrución historiográfica do pasado histórico dun escenario social, que se reelabora agora a partir da narración directa dos habitantes que interactuaron nel.