Froito de diversos convenios de colaboración asinados entre o Consello da Cultura Galega e a Xunta de Galicia, a través do seu departamento de Relacións Laborais son hoxe públicas investigacións que axudan a construír unha imaxe fiel das condicións laborais dos traballadores dos medios de comunicación de Galicia e das súas actitudes profesionais. Estas achegas permitiron estudar o funcionamento interno das redaccións dende perspectivas e ámbitos diferentes. A partir dun estudo inicial que permitiu elaborar un primeiro censo dos xornalistas que exercían o seu labor en Galicia e que ofreceu unha perspectiva global, dúas investigacións sucesivas botaron luz sobre colectivos profesionais cuxa situación laboral era case descoñecida ou non fora estudada en absoluto. Por un lado analizouse a situación laboral dos xornalistas dos medios electrónicos e, por outro, elaborouse o presente traballo sobre a situación profesional dos documentalistas.